Polo dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible

Novas destacadas

  • EAPN- Galicia valora positivamente a cesión das competencias en igualdade á Consellería de Política Social e a posta en valor da Consellería de Emprego e considera indispensable que este novo goberno garanta o financiamento das entidades do Terceiro Sector de Acción Social con experiencia en inclusión socioresidencial.   EAPN-Galicia felicita ao novo goberno da Xunta de Galicia, encabezado polo presidente, Alfonso Rueda, polas reformas e incorporacións de varias carteiras que marcarán esta XII lexislatura . Por unha banda, a cesión das competencias en Igualdade á Consellería de Política Social, por outra, a posta en valor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o compromiso de facilitar os procesos de inclusión social e acceso ao emprego efectiva de persoas en pobreza ou vulnerabilidade, en especial da poboación migrante nesta situación. Valórase especialmente a creación da nova Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a asunción dunha das principais demandas da Rede, para asegurar a visibilización e que se afronte de xeito integral a emerxencia residencial en Galicia. Resulta evidente como o impacto da elevada inflación e a suba dos prezos da enerxía e bens de primeira necesidade repercuten nas dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible. Estas trabas non só as experimentan persoas en pobreza senón tamén as que pertencen á clase media ou media baixa. A exclusión residencial é un problema global da sociedade galega e debe enfocarse desde un prisma de dereitos sociais que fomente o acceso ao mercado inmobiliario das vivendas baleiras, evitando que quede nun segundo ou terceiro plano e antepoñéndoo á construción, a promoción inmobiliaria e o lucro. Compromiso na loita contra a emerxencia residencial Compre lembrar tamén que, malia a satisfacción pola creación da Consellería de Vivenda, unha das principais demandas de EAPN- Galicia era a de, como mínimo, triplicar o parque público de vivenda social ata chegar ás 11.400 vivendas no 2028 e ás 22.800 no 2030. O compromiso do goberno da Xunta neste senso quedouse na duplicación do parque público, valoramos a implicación do novo presidente como un primeiro paso sen dúbida positivo pero aínda insuficiente. Neste senso, as entidades que tecen rede en EAPN- Galicia amosan a súa disposición total a colaborar co novo executivo galego na loita contra emerxencia residencial, asegurando o compromiso compartido de garantir a dispoñibilidade de vivenda social de xeito inmediato e a longo prazo, así como doutras medidas como a definición dunha Estratexia de erradicación do chabolismo e a infravivenda no 2030, a prevención do senfogarismo, o pulo do alugueiro social, a prevención do desafiuzamento ou a accesibilidade entendida como obra pública prioritaria. Por outro lado, EAPN-Galicia estima que todas estas actuacións a prol de erradicar a emerxencia de vivenda en Galicia deberían implicar o aumento de fondos propios da Xunta, reforzando a Consellería de Vivenda nos vindeiros orzamentos de 2025.   Coordinación entre consellerías e concellos Ademais, deberá prevalecer unha filosofía de coordinación entre a nova Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a de Política Social e Igualdade, para evitar que se dilúa o enfoque social e de dereitos. Esta coordinación deberá ser extensible tamén aos concellos, concretando o número e o lugar de solares ou vivendas que se van a facilitar e cando, así como asegurar o acceso a vivendas e barrios vulnerables dos fondos europeos e estatais nesta materia. A presidenta de EAPN- Galicia, Ana Pardo, considera que “existen antecedentes en varios municipios que demostran que, cando estas consellerías traballan man a man, os resultados son moi positivos. Debemos ter consciencia de que a vivenda non nace para especular, senón para proporcionar unha resposta social”. Incidimos que o novo goberno e as forzas políticas que compoñen o Parlamento galego para a lexislatura 2024-2028 (PPdeG, BNG, PSdeG PSOE e Democracia Ourensana) deben traballar conxuntamente para non dar marcha atrás en dereitos e políticas sociais, en colaboración con municipios, deputacións e coas organizacións da sociedade civil, cumprindo cos compromisos adquiridos na loita contra a pobreza e a exclusión social. Por isto último a Rede considera indispensable que este novo goberno garanta o financiamento das entidades do Terceiro Sector de Acción Social con experiencia en inclusión socioresidencial de poboación vulnerabilizada. Todas estas valoracións están integradas no documento de análise detallado do nivel de incorporación das demandas e metas formuladas dende EAPN Galicia para as forzas parlamentares con representación para a XII Lexislatura (2024-2028).  

  • A asemblea ordinaria de EAPN- Galicia aprobou o documento de análise das propostas electorais das forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia e o seu nivel de acordo coas demandas das entidades membro da Rede. PP, BNG e PSdeG teñen un elevado nivel de consenso parcial, e ás veces total, nos seus programas en medidas sociais chave para as persoas en situación ou risco de pobreza e/ou exclusión social.   No marco dunha campaña electoral marcada polo grave problema de exclusión residencial e acceso á vivenda ou mesmo a un emprego digno e, ante o impacto da inflación, a subida dos prezos da enerxía e os bens de primeira necesidade, as organizacións que formamos EAPN Galicia lanzamos a campaña ‘Avanzar contra a pobreza, a exclusión social e a desigualdade en Galicia ante as Eleccións ao Parlamento de Galicia 2024’. Baixo o cancelo #Pobreza18F, presentamos un documento que recolle 4 principios, 10 prioridades e 15 metas para implantar na vindeira lexislatura. Para comprobar cantas destas metas estaban incluídas nas promesas dos partidos políticos que se presentaban ás eleccións autonómicas, realizouse unha análise dos programas electorais das agrupacións que tiñan presencia no Parlamento Galego. A continuación amósanse o nivel de acordo existente entre os principais partidos políticos que formarán parte do próximos goberno da Xunta de Galicia. Realizamos tamén unha análise pormenorizada das propostras do programa electoral do PPdeG xa que, como forza gobernante, será a que establecerá as medidas parlamentarias que deberá levar a cabo a Xunta de Galicia. Incidimos en que o novo goberno que emane destas eleccións e as forzas políticas que compoñen o Parlamento Galego para a lexislatura 2024-2028 deben traballar conxuntamente para non dar marcha atrás en dereitos e políticas sociais, en colaboración con concellos, deputacións e coas organizacións da sociedade civil, cumprindo cos compromisos adquiridos na loita contra a pobreza e a exclusión social. A análise dos programas electorais das tres forzas políticas que acadaron representación nos comicios celebrados o 18F (PP, BNG e PSdeG-PSOE) conclúe que hai un elevado grado de consenso en bastantes das súas propostas. Asemade, estes puntos en común conforman un bo comezo para favorecer o acordo entre as diferentes formacións en medidas sociais para a reconstrución social, tanto na administración autonómica como local, de xeito que as persoas e o seu benestar estean no centro do seu labor.     O consenso como necesidade para non dar marcha atrás en dereitos e políticas sociais A necesidade dunha aposta clara polas persoas require dun traballo conxunto por parte das forzas políticas do Parlamento Galego, así como da colaboración entre todos os niveis da administración. Nesta liña, trala análise dos programas electorais de PP, BNG e PSdeG-PSOE, constátase o elevado nivel de coincidencia de forma parcial ou completa nas propostas formuladas polos partidos nos seguintes eidos: Vivenda digna: Ampliar o parque público de vivenda, concretando, en coordinación cos concellos e a FEGAMP, o número e lugar dos solares e vivendas que se facilitarán e cando. Promover o acceso da vivenda privada ao réxime de alugueiro social. Impulsar o novo Plan de Atención ás Persoas sen Fogar xunto a concellos e organizacións de acción social. Crear unha rede de vivenda de emerxencia (2 vivendas de transición por cada 10.000 habitantes). Reforzar as políticas e orzamentos de axudas económicas á mocidade para a súa emancipación, simplificando a súa solicitude e xestión.   Garantía de Ingresos e acompañamento nos procesos de inclusión social: Establecer un protocolo de vulnerabilidade severa que permita atender ás necesidades vitais máis urxentes de maneira inmediata mediante unha Tarxeta Económica Básica de Emerxencia. Aprobar unha Nova Lei de Garantía de Ingresos de Galicia reforzando a Lei de Inclusión social e garantindo a complementariedade entre RISGA e IMV. Ampliar a cobertura a colectivos non atendidos ou de especial vulnerabilidade con tramitación urxente e simplificada. Asegurar un servizo de apoio e acompañamento na realización de trámites estable para a poboación que o precise.   Infancia e mocidade Elaboración da Lei Galega da Infancia. Garantir un 5% do FSE 2021-2027 en plans operativos específicos de Garantía Infantil para a redución da pobreza. Despregamento da Rede Galega de Atención Temperá ao 100% da poboación galega. Posta en marcha do Plan de Choque contra o fracaso escolar. Implantar a figura do Coordinador de Benestar nos servizos educativos. Garantir recursos específicos para a infancia e mocidade con enfermidades mentais. Fortalecer os programas de apoio á autonomía persoal e emancipación da mocidade que abandona o sistema de protección e xustiza xuvenil. Implementar políticas que garantan o acceso universal ao lecer e tempo libre socioeducativo, especialmente á mocidade.   Loita contra a pobreza e inclusión residencial, social e laboral das persoas vulnerabilizadas Implantación de programas de promoción da saúde cun enfoque dende os determinantes sociais e o pleno acceso á cobertura sanitaria universal. Por en marcha programas de promoción da saúde mental e prevención do suicidio dende o Sistema Público de Saúde, en colaboración co Terceiro Sector. Elaborar un programa específico de medidas contra a soidade non desexada (a nivel xeral – non só enfocado nas persoas maiores).   Accesibilidade Incrementar recursos e servizos de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia – fronte á institucionalización non desexada. Asegurar liñas de axuda específicas a colectivos vulnerabilizados para a mellora da accesibilidade en vivendas e edificios. Garantir a accesibilidade universal na Administración Electrónica.   Emprego digno e inclusión sociolaboral Reformular convocatorias e ferramentas de inclusión sociolaboral para asegurar procesos integrais que traballen as vertentes persoal, social, formativa e laboral. Ampliar os programas de inclusión sociolaboral para que cheguen a persoas en situación ou risco de exclusión social. Proporcionar financiamento estable e maior apoio e competencias ás entidades do Terceiro Sector. Deseñar actuacións específicas para mozos e mozas que abandonan o sistema educativo ou presentan dificultades para manterse nel. Incluír nos plans de igualdade criterios relacionados co edadismo.   Medio Rural Asegurar a satisfacción das necesidades sanitarias, sociais e sociosanitarias. Implantar servizos sociocomunitarios de proximidade entre a Administración autonómica e as locais. Mellorar a rede de transporte público. Garantir […]

  • Na campaña anterior, un 54,5% dos contribuíntes galegos e galegas, marcaron o recadro do X Solidario (24.528 máis que no ano anterior), recadándose 24.029.488 de euros, (2.638.195 euros máis que o ano anterior). Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 39.461.392€, é dicir, 15.431.905 € máis dos recadados. No 2023, 153 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 733 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 146.500 persoas As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN- Galicia, CERMI- Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), reuníronse un ano máis con motivo do inicio da campaña do X Solidario para intentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”. A Praza da Quintana en Santiago de Compostela acolleu o acto de rúa da presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas. A iniciativa, que contou coa colaboración do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia, consistiu na elaboración dun X xigante cunha tea laranxa no medio da praza. Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes coa etiqueta #EquipoXSolidaria. A lectura do manifesto realizouse no interior das instalacións do Campus Stellae e contou cunha intérprete en lingua de signos, Noemí Vázquez Miguez, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG). Correu a cargo da Presidenta da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia (POIG), Mónica Viqueira, o Secretario Xeral do CERMI-Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro e do Director de EAPN-Galicia, Xosé Cuns, quenes reclamaron á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, unha simplificación burocrática e unha única convocatoria. Un recadro que cada ano conta con máis adeptos Durante o 2023, a campaña recadou en Galicia 24.029.488 €, grazas a que 775.395 persoas (o 54,5% do total de contribuíntes) marcaron o X Solidario na súa Declaración, o que supón unha recadación de 30’99 € por persoa. Un éxito porque foron 24.528 persoas máis que no 2022, o que permitiu recadar 2.638.195 € máis. Aínda así, 647.628 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (530.187 non marcaron ningún recadro e 117.441 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 39. 461 392 Euros (15.431.905 € máis). A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 475.902.000 € grazas a que 12.052.295 persoas marcaron o X Solidario súa Declaración, é dicir, un 53% do total de persoas declarantes. O que supón que o número de persoas contribuíntes solidarias creceu en case 2 millóns nos últimos 10 anos. Neste recadro, pódese ver o recadado por cada oficina: #EquipoXSolidario Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado axudan a dar resposta a realidades concretas: apoio ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, educación para a saúde, teleasistencia, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna socio-familiar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos. Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan. Máis información: https://www.xsolidaria.org/

  • Un estudo elaborado por EAPN-Galicia reflicte que 1.360.284 euros dos 2.993.668,25 € reservados para o Plan Renove 2023 foron destinados a consumidores vulnerabilizados es e vulnerabilizados severos, o que suporía un 45% da porcentaxe total. Desde EAPN-Galicia animamos a tódalas persoas que o precisen a solicitar as achegas do Plan Renove xa que puidemos comprobar que as axudas chegan. O número de persoas vulnerabilizadas que se beneficiaron do Plan Renove de Electrodomésticos 2023 impulsado pola Axencia Instituto de Eficiencia Enerxética da Xunta de Galicia (INEGA) foi superior ao do ano 2022, segundo un estudo comparativo realizado por EAPN-Galicia. O obxectivo principal deste Plan Renove, é o do emprego racional da enerxía a través de medidas de aforro e eficiencia enerxética. Para isto, o programa pretende renovar electrodomésticos de certa antigüidade por outros novos cunha elevada clasificación enerxética, a través de axudas aos potenciais consumidores. Isto contribuiría a rebaixar a o custo do subministro enerxético e a redución de emisións de efecto invernadoiro. A porcentaxe da axuda para variará dependendo de se o consumidor se trata dunha persoa vulnerabilizada, que recibirá un 50% do importe total do electrodoméstico adquirido; dunha persoa vulnerabilizada severa que obtería o 75%, ou dun consumidor xeral, ao que lle corresponde un 25%. Aumento do orzamento no ano 2023 Se comparamos a contía destinada ao Plan no 2022 coa do 2023, esta aumentou en preto de 1.000.000 de euros. No ano 2022 investiuse un total de 1.988.330,69€ fronte aos 2.993.668,25 € no 2023. Tamén se incrementou o número de solicitudes, máis de 13.500 no 2022, superadas polas preto de 20.000 no ano pasado. Segundo datos recollidos por EAPN-Galicia, a meirande parte dos escritos pertencentes á convocatoria 2022, preto do 80%, corresponden a cidadáns non vulnerabilizados, o 6% a consumidores vulnerabilizados e case un 13% a consumidores vulnerabilizados severos. No 2023 a tendencia mantívose. Do total de solicitudes, 15.061 corresponden a consumidores xerais, o que supón un 77.5% do total; 1.349 a consumidores vulnerabilizados, que baixa ata un 7% e 3.012 a consumidores vulnerabilizado severos, o cal implicou un lixeiro ascenso, xa que corresponde ao 15% do total. Unha axuda maior para persoas vulnerabilizadas severas O que resulta salientable das cifras resultantes do Plan Renove 2023 foi a contía que recibiu o colectivo de persoas vulnerabilizadas que solicitaron a axuda. Do orzamento total, 1.360.285€ foron destinados a persoas deste grupo, sendo os maiores beneficiarios os consumidores vulnerabilizados severos, que recibiron preto de 1.050.000€ para renovar os seus electrodomésticos. Esta cifra é significativamente máis elevada que no ano anterior, cando este colectivo recibiu 616.533€ tendo unha porcentaxe similar de solicitudes en ambas convocatorias. Pola súa banda, os consumidores vulnerabilizados viron aumentada tamén a súa contía no 2023 malia que o seu incremento non sexa tan significativo. Deste xeito, poderíamos dicir que no pasado exercicio, o colectivo de persoas en risco de exclusión social recibiu o 45% da cifra total do orzamento destinado ao Plan Renove, un 10% foi percibido por persoas vulnerabilizadas e un 35% por persoas vulnerabilizadas severas. Como podo solicitar a axuda do Plan Renove? O prazo para solicitar axudar do Plan Renove da Axencia do Instituto Galego de Eficiencia Enerxética (INEGA) abriu o 8 de febreiro e vence o 30 de setembro ou ata esgotar fondos. O orzamento total que se destina a este plan no exercicio do 2024 para a renovación de electrodomésticos por outros dunha maior calidade enerxética é de 2.175.000,00 €. A cantidade subvencionada non poderá ser superior ao 25% para consumidor xeral, 50% para consumidor vulnerabilizado, 75% para consumidor vulnerabilizado severo. Consulta aquí a convocatoria. Preme aquí para consultar a listaxe de entidades adheridas.   Consulta aquí ao completo o Estudo Comparativo Plan Renove Electrodomésticos 2020-2023, levabo a cabo por EAPN-Galicia con datos facilitados pola Axencia Instituto Galego de Eficiencia Enerxética, apoiados na Lei de Transparencia  

  • O senfogarismo, o chabolismo, os desafiuzamentos e a infravivenda foron temas clave a tratar durante a presentación da exposición itinerante que permanecerá na sede da Valedora do Pobo ata o mes de maio. Ao acto asistiron parlamentarios e parlamentarias de varios grupos políticos para escoitar as demandas das entidades que tecen rede en EAPN Galicia. A exposición consta de 14 paneis nos que figuran fotografías e testemuñas que amosan situacións reais e actuais das dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible, que foron recollidas e enviadas polas Entidades Membro. Tamén figuran algunhas seleccionadas a partires do concurso de fotografía que lanzou EAPN Galicia, para mostrar a realidade da exclusión residencial en Galicia, dentro da campaña #EmerxenciaVivenda.     O acto está enmarcado no Día da Xustiza Social que tivo lugar o 20 de febreiro e trátase do primeiro evento que celebra EAPN Galicia tralas elección ao Parlamento Galego do pasado 18 de Febreiro. O seu obxectivo non é outro que transmitir de cara á nova lexislatura a necesidade de que a Xunta de Galicia, concellos e forzas políticas con representación na nosa Comunidade Autónoma traballen dun xeito coordinado para dar respostas e solucións concretas á problemática da vivenda que existe en Galicia. A presentación contou coa colaboración da Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, quen se encargou da apertura e peche do acto e incidiu en que unha vivenda é unha necesidade social e un elemento de loita contra a desigualdade, xa que é parte principal da inclusión social e laboral.   Escaseza orzamentaria e desvinculación co Terceiro Sector de Acción Social Pola súa banda, a Presidenta de EAPN-Galicia, Ana Pardo, quixo salientar antes de dar paso á visita guiada polos paneis expositivos, a necesidade de que tódalas galegas e galegos dispoñan dunha vivenda digna, axeitada e accesible. Ana Pardo lembrou a escaseza orzamentaria en acceso a vivenda por parte da Xunta e dos concellos e a necesidade de que todas estas claves de inclusión se fagan de xeito coordinado coas entidades do Terceiro Sector. Engadiu ademais que é moi complicado que unha persoa poida ter un proxecto de vida se non conta cun espazo de seguridade e de pertenza. Tras a análise que EAPN Galicia realizou dos programas electorais das principais forzas políticas que acadaron representación nas pasadas eleccións autonómicas, Pardo asegura que existe un certo grao de consenso na necesidade de levar a cabo medidas de acceso a unha vivendadigna e accesible. Con todo, as propostas relacionadas con este ámbito non son tan ambiciosas como deberían. A exposición Emerxencia Vivenda fai un percorrido por varias dificultades para acadar unha vivenda digna como son o senfogarismo, o chabolismo, o desafiuzamento, a falta de adaptación estrutural ou o despoboamento do rural. Tamén no parque público de vivenda social, que en Galicia supón do 0,32% das vivendas principais. 3 veces menos que a media estatal do 0,96% e 30 veces menos que no conxunto da Unión Europea (9,3%). Unha das principais demandas de EAPN Galicia é que se triplique este parque de vivenda na nova lexislatura e chegar ás 22.800 no ano 2030. Porén, a iniciativa é un recordatorio ás forzas políticas do Parlamento Galego da necesidade de demostrar o seu compromiso por unha vivenda digna axeitada e accesible, tanto nos orzamentos da Xunta como nas Deputacións e nos concellos así como a necesidade traballar de xeito conxunto para proporcionar unha resposta real a esta emerxencia. Os paneis foron presentados por voceiros de entidades que tecen rede en EAPN Galicia, como Provivenda, Fundación Secretariado Xitano, Fundación Érguete, Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), Federación Galega de Alzheimer (FAGAL) e Fundación Esplai.   Responsabilidade en materia de Vivenda A modo de peche, a presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo quixo lembrar que a responsabilidade en temas vencellados á vivenda corresponde á Consellería de Vivenda, ao Instituto Galego de Vivenda e Solo e ás concellerías vinculadas con Urbanismo, e non á Consellería de Política Social ou ás concellerías de servizos sociais. As demandas foron escoitadas por parlamentarios e parlamentarias do PPdeG, Alberto Pazos Couñago e Carmen Pomar, do PSdeG PSOE, Paloma Castro, e do BNG, Olalla Rodil, que asistiron á presentación. A exposición poderá visitarse na Sede da Valedora do Pobo ata o mes de maio. Tamén está dispoñible un libro en branco para que os asistentes plasmen nel as súas demandas en tema vivenda.  

  • EAPN Galicia e as suas entidades membro animan a votar nas eleccións do 18 de febreiro e propoñen a todas as candidaturas 4 principios, 10 prioridades, 80 medidas e 15 metas para avanzar contra a pobreza, a exclusión social e a desigualdade en Galicia. Ante o impacto da inflación, a suba dos prezos da enerxía e bens de primeira necesidade ou especialmente a emerxencia do acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible, a primeira meta que debería figurar nos programas electorais é o compromiso de triplicar o parque público de vivenda ata chegar ás 11.400 vivendas no 2028 e a resposta a tres preguntas: cantas vivendas; onde van a estar e cando? Entre as 15 metas destacan a elaboración dunha nova Lei de Garantía de Ingresos de Galicia, implantar a Tarxeta Básica de Emerxencia, un plan autonómico de simplificación burocrática, apoio ás Familias Monoparentais, unha Lei do Terceiro Sector de Galicia e o fortalecemento de mecanismos de financiación das entidades. No 2022, 636.000 persoas, o 23,6% da poboación galega, estaban en risco de pobreza ou exclusión social, a porcentaxe máis baixa dos últimos cinco anos. Esta taxa podería chegar a case á metade da poboación, ata o 48,6%, de non haber transferencias públicas (Estado, Xunta ou concellos). Estes datos constatan que, cando hai vontade política, a pobreza pode reducirse. As prioridades e estratexias europea, estatal e das Comunidades Autónomas fronte á pandemia da COVID-19, coa aplicación das medidas comprendidas no chamado ‘Escudo Social’ e o mantemento e reforzo de políticas de protección social na nosa comunidade, tiveron un impacto positivo. Lamentablemente, no 2024 hai menos razóns para o optimismo. As entidades do Terceiro Sector que tecen rede en EAPN Galicia constatan día a día o empeoramento das condicións de vida de moitas galegas e galegos no último ano e os datos de Privación Material e Social Severa publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) e o Instituto Galego de Estadística (IGE) confirman este empeoramento. As eleccións ao Parlamento de Galicia celébranse cando é evidente tanto o impacto da elevada inflación e a suba dos prezos da enerxía e bens de primeira necesidade, como especialmente a emerxencia das enormes dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible. Non só nas persoas en pobreza severa ou relativa, senón tamén nas de clase media e media baixa. Porén, as organizacións que formamos EAPN Galicia elaboramos un documento con 4 principios, 10 prioridades e 15 metas, para avanzar contra a pobreza, a exclusión social e a desigualdade en Galicia e incidimos en que o goberno que emane destas eleccións non pode dar marcha atrás en dereitos e políticas sociais, senón traballar en colaboración con concellos, deputacións e coas organizacións da sociedade civil, cumprindo cos compromisos adquiridos na loita contra a pobreza e a exclusión social. Compromiso coas persoas: 4 principios xerais, 10 demandas prioritarias e 15 metas. Para a vindeira lexislatura é factible continuar a diminuir a taxa de persoas que se atopan en risco de pobreza e exclusión social en Galicia, contribuíndo a que no ano 2030 se vexa reducida ata o 14%, tal e como recolle a Meta 11 do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030. Dende as entidades do Terceiro Sector de Acción Social galegas esiximos que se cumpra a normativa vixente e se garantan os dereitos sociais de todas as persoas e a redución drástica da pobreza, a exclusión social e a desigualdade en Galicia. Todas as propostas, medidas e metas que se propoñen neste documento ás distintas forzas políticas que se presentan as eleccións do 18F teñen o respaldo da normativa e estratexias que deberían ser de obrigado cumprimento. 4 principios Garantir o respecto á dignidade das persoas en risco de pobreza ou exclusión. Evitando discursos de culpabilización, aporofobia, mágoa ou a compaixón. Loita contra a pobreza e a desigualdade con tres requisitos: actuacións contra as causas, compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo coa máxima simplificación burocrática. Fomentar a máxima coordinación interadministrativa e corresponsabilidade política e técnica. Reforzar, recoñecer, impulsar e dotar dun financiamento estrutural axeitado e a longo prazo ás necesidades das entidades do Terceiro Sector de Acción Social de Galicia. 10 demandas prioritarias 1. A vivenda digna e accesible é o primeiro. Asegurar actuacións contra a exclusión residencial, fomentando o acceso á vivenda co alugueiro social e a prevención de desafiuzamentos ou a redución da vivenda baleira e garantindo que os orzamentos destinados á rehabilitación, accesibilidade ou eficiencia enerxética cheguen aos fogares vulnerabilizados. Con medidas como triplicar o parque público de vivenda ata chegar ás 11.400 vivendas no 2028 e asegurar que se multiplique por 6, ata as 22.800 no 2030 e respostar con rigor a estas tres preguntas: cantas vivendas; onde van a estar e cando? Pero tamén co compromiso de erradicación do chabolismo e a infravivenda en Galicia no 2030 ou a creación dun parque básico de emerxencia con dúas vivendas de transición por cada 10.000 habitantes. 2. Asegurar o dereito á garantía de ingresos e ao acompañamento nos procesos de inclusión social (non a obriga). Recuperando a Tarxeta Básica e promulgando unha Lei de Garantía de Ingresos de Galicia que actualice e reforce a Lei de Inclusión Social e asegure un sistema áxil, accesible e axeitado. 3. Loita efectiva contra a pobreza e a exclusión en familias con nenos, nenas e adolescentes. Priorizando en orzamentos a atención profesional urxente e o seguimento individualizado así como apoiando ás familias, con medidas como a elaboración da Lei Galega da Infancia ou un plan urxente de atención especializada a familias monoparentais. 4. Establecer medidas específicas de loita contra a pobreza e pola inclusión residencial, social e laboral das persoas vulnerabilizadas, como mínimo das recollidas no Artigo 3 da Lei 10/2013 de inclusión social de Galicia, así como medidas contra a soidade non desexada ou programas de promoción da saúde que garantan o pleno acceso e cobertura sanitaria universal. 5. Priorizar nos orzamentos de obra pública o investimento en accesibilidade universal en infraestruturas e edificios públicos ou privados dacordo co establecido na Lei […]

  • Un seminario, organizado por EAPN Galicia en colaboración con EAPN España, de interese para calquera organización social que realice programas de inclusión sociolaboral e queira coñecer en detalle a metodoloxía utilizada polas entidades da Rede Emprego Digno, ademais das propostas de mellora das políticas de inclusión sociolaboral Martes 30 de xaneiro 10.00 – 12.30 por Zoom     Evento organizado por EAPN Galicia en colaboración con EAPN España, para a presentación do Manual de buenas prácticas para la inclusión sociolaboral con personas vulnerabilizadas, elaborado no marco do Convenio de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e EAPN Galicia, para a realización de programas integrados de emprego de persoas en situación de vulnerabilidade, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia impulsado pola Unión Europea e o Ministerio de Traballo e Economía Social. Grazas a este Convenio, durante os anos 2022 e 2023, e por primeira vez en Galicia, 14 entidades do Terceiro Sector de Acción Social (TSAS), coordinadas por EAPN Galicia, desenvolveron de forma conxunta un programa piloto para o fomento da empregabilidade e a inclusión sociolaboral no que participaron máis de 600 persoas en situación ou risco de exclusión social de toda Galicia, principalmente nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, pero tamén noutras localidades galegas. Este programa levaba aparellado o obxectivo de identificar boas prácticas e propostas de mellora da calidade dos programas de inclusión sociolaboral. Deste xeito, en outubro de 2022 iniciouse unha investigación cualitativa para recoller o traballo desenvolvido polo persoal técnico de 18 entidades que están a dar resposta á multicausalidade das situacións das persoas en situación ou risco de exclusión. Para alcanzar o obxectivo establecido no Convenio de permitir á Consellería a mellor abordaxe futura no tratamento da inclusión sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión, ademais das boas prácticas das entidades incluímos unha análise das limitacións atopadas, tanto na configuración dos programas como noutros campos da administración e a sociedade, acompañadas de propostas de mellora. O principal reto da iniciativa conxunta, bautizada como Rede Emprego Digno, foi traballar en rede e unir esforzos para alcanzar unha maior inclusión sociolaboral das persoas participantes, pero tamén para validar a metodoloxía de traballo utilizada, que serve de base para o traballo de investigación que culmina coa publicación deste Manual de Boas Prácticas, que xa foi presentado o pasado 15 de novembro en Santiago de Compostela. Mais información neste enlace: As claves do Terceiro Sector para a inclusión sociolaboral: enfoque centrado na persoa, perspectiva integral e traballo en rede É posible acceder ao Manual e ao correspondente Resumo executivo nas seguintes ligazóns: MANUAL de buenas prácticas de inclusión sociolaboral con personas vulnerabilizadas (castellano) RESUMEN EJECUTIVO Manual de buenas prácticas de inclusión sociolaboral con personas vulnerabilizadas (castellano)   Dado o éxito do programa piloto, queremos difundir o Manual resultante na súa versión en castelán por tratarse dun recurso valioso e unha ferramenta práctica para todos os actores comprometidos coa inclusión sociolaboral. A súa utilidade radica na súa capacidade de traducir o coñecemento e a experiencia en accións concretas que melloren as vidas daquelas persoas vulnerabilizadas. Obxectivos Presentar os resultados da investigación e o Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral, ferramenta práctica con pautas de mellora das políticas públicas dirixidas á inclusión sociolaboral de persoas vulnerabilizadas. Fomentar o diálogo entre o Terceiro Sector de Acción Social (TSAS), as administracións e as empresas, e o traballo en rede co obxectivo común de alcanzar a inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas. Visibilizar e pór en valor o traballo das entidades do Terceiro Sector Programa 10.00 Rexistro de asistentes 10.05 Benvida e inauguración Ana Álvarez Franco. Secretaria de EAPN Galicia Victor García Ordás. Comisión Permanente EAPN España María Canal Fontcuberta. Consejera Económica, Comisión Europea en España Amparo Merino Segovia. Secretaria de Estado de Economía social 10.30 Comunicación: presentación do Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas 11.15 Así se traballa en rede: diálogo con entidades participantes 12.00 Conclusións. Clausura institucional 12.30 Fin da xornada Inscricións Antes do luns 29 de xaneiro (14:00h) na seguinte ligazón:  

  • A implicación conxunta de 14 entidades traballando en rede, cunha metodoloxía integral e individualizada, foron determinantes para o éxito dos resultados obtidos No Simposio ‘A inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas’ presentáronse os resultados do Programa e mais o ‘Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas’     O pasado 15 de novembro, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, celebrouse o Simposio ‘A inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas: mellora das políticas públicas para erradicar a pobreza e a exclusión’. Foi o evento de peche do Programa Integrado para o Fomento da Empregabilidade de Persoas Vulnerables, desenvolvido no período 2022-2023 por 14 entidades do Terceiro Sector de Acción Social (TSAS), coa coordinación de EAPN Galicia e co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e do Ministerio de Traballo e Economía Social, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.   No Simposio presentáronse os resultados cuantitativos e cualitativos do Programa Integrado. Do balance cabe destacar que melloraron a súa empregabilidade máis de 600 persoas en situación ou risco de exclusión social. Un total de 538 persoas completaron os itinerarios do Programa Integrado; e delas, 245 acadaron a inserción laboral. É dicir, obtívose unha taxa de inserción do 46%, duplicando amplamente os obxectivos comprometidos inicialmente, que eran dun 20%.   A implicación conxunta, por primeira vez, de 14 entidades do TSAS galego traballando en rede pola inclusión sociolaboral, así como a metodoloxía empregada, cun enfoque integral, individualizado e totalmente centrado na persoa, foron determinantes para o éxito dos resultados obtidos no programa. O encontro tamén serviu como medio para presentar o ‘Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas’, un dos principais propósitos deste programa de cara a continuar realizando incidencia política no eido do emprego. Trátase dun documento imprescindible tanto para o TSAS coma para os organismos públicos, dado que contén o coñecemento e as claves para realizar unha inclusión sociolaboral efectiva con persoas en situación de vulnerabilidade dentro do contexto socioeconómico no que estamos a vivir.   De onde partimos? O Manual foi o resultado dunha investigación cualitativa que se desenvolveu no marco do Programa Integrado, entre os meses de outubro de 2022 e outubro de 2023. O obxectivo xeral do estudo foi o de visibilizar e poñer en valor o coñecemento e o traballo do Terceiro Sector en materia de inclusión sociolaboral, así como recoller as súas demandas e retos, coa finalidade de contribuír a mellorar a abordaxe integral desta cuestión. A través de entrevistas e grupos de discusión, realizouse unha consulta con persoal técnico e directivo do TSAS, con profesionais do ámbito universitario e da administración local e autonómica, así como con persoas participantes no Programa Integrado. O Manual pretende ser unha ferramenta práctica, con pautas e orientacións para desenvolver procesos de inclusión produtivos, ao tempo que un chamamento á acción social e política, con propostas para atallar as limitacións que se atopan en ditos procesos. Dun lado, o Manual achega unha proposta metodolóxica para configurar procesos de inclusión sociolaboral produtivos. A clave desta metodoloxía está no enfoque centrado na persoa, que ofrece unha atención individualizada e integral, proporcionando apoios coordinados e estables a medio e longo prazo non só no eido laboral, senón en todos os ámbitos en que a persoa enfronte vulnerabilidades. Para isto é fundamental a cooperación de todos os axentes implicados no proceso: o traballo en rede entre as entidades e recursos involucrados, a colaboración co tecido empresarial e a coordinación coas diferentes áreas e niveis da administración.   Doutro lado, o Manual presenta propostas de mellora das políticas públicas para que os programas de inclusión sociolaboral poidan resultar eficaces. As achegas quedan resumidas no Decálogo titulado ‘O emprego é un dereito, non unha obriga’.     É posible acceder ao Manual e ao correspondente Resumo executivo nas seguintes ligazóns: MANUAL de boas prácticas de inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas (galego) MANUAL de buenas prácticas de inclusión sociolaboral con personas vulnerabilizadas (castellano)RESUME EXECUTIVO Manual de boas prácticas de inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas (galego) RESUMEN EJECUTIVO Manual de buenas prácticas de inclusión sociolaboral con personas vulnerabilizadas (castellano) O Simposio dirixiuse a proporcionar espazos para o encontro, a comunicación e, polo tanto, a posibilidade de establecer sinerxías entre TSAS, tecido empresarial, administracións e universidade, co obxectivo de seguir mellorando o traballo en inclusión sociolaboral. Así, completou os seus contidos con varias mesas redondas nas que colaboraron persoas representantes de cada un destes ámbitos. O evento foi transmitido por streaming e pode verse aquí: A continuación, deixamos os contidos do evento, cunha breve descrición e a ligazón ao minuto do vídeo no que se desenvolven: Presentación institucional. Ana Pardo, Presidenta EAPN Galicia; Arturo Parrado, Director xeral de Inclusión Social; María Canal, Conselleira económica da Comisión Europea en España; Alberto Fuentes, Secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. (Ligazón) Presentación do Balance de resultados do Programa. Berta Lema, coordinadora do Programa Integrado. (Ligazón) Presentación do Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas. Verónica Verdía, investigadora Manual Inclusión Sociolaboral; Berta Lema, coordinadora do Programa Integrado. (Ligazón) A inclusión sociolaboral en primeira persoa. Tratouse dunha conversa con persoas participantes no Programa integrado que tivo por obxectivo achegarnos ás dificultades para a inclusión sociolaboral e reflexionar sobre o que precisamos para que esta se poida garantir. Contouse coa presenza de Rosa Hidalgo (participante da Fundación Érguete-Integración), Chema Blanco (participante da Fundación Ronsel), Pablo Suárez (participante de ASPANAES- Federación Autismo) e Keyla Rodrigues (participante de Ecos do Sur). (Ligazón) As entidades do Terceiro Sector traballando en rede coas empresas. Tivo por obxectivo visibilizar e recoñecer as boas prácticas na colaboración entre entidades do TSAS e o tecido empresarial nos programas de inclusión. Tamén se abordaron os retos de futuro para afianzar as ditas colaboracións. Contamos coa participación de Rocío Domínguez, prospectora laboral da Fundación Érguete-Integración, xunto con María Nadales, da FNAC Vigo. Tamén tivemos a presenza de Rosa Mosquera, prospectora de Ecos do Sur, xunto con Estefanía López-Amado, técnica de organización […]

CONTACTO

Pza. Camilo Díaz Baliño, 17
(Centro de negocios ESMARTA)
Santiago de Compostela
15704 A Coruña
Teléfono: 698 12 71 10

Traducir

GalegoEspañol

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa política de cookiespique no enlace para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies